Por que estou acá?

Karla


Hoxe a miña entrada vai ser algo distinta ás realizadas ata o de agora. Simplemente unha reflexión,   un pouco ridícula, pero que creo que nalgún momento do inicio do curso me ía xurdir.
Por que estou aquí?

Seguramente a maioría das persoas que estamos cursando educación infantil dirá cousas como: ‘Gústanme os nenos’ ‘Quería facer isto dende pequeno/a’ ‘Estou para acceder ao grao de educación infantil/primaria’ ou cousas polo estilo.

Nun primeiro momento parece lóxico, pero... Quero respirar, pararme e pensar seriamente os motivos polos que loitei tanto por este soño.

Sempre fun alguén a quen un neno lle sacaba un sorriso, que me quitaban as penas, que era feliz, volvía á miña infancia, dábame igual ‘pintar o ridículo’.

Pero pensando friamente, penso que esas pequenas persoíñas son o noso futuro, e creo que se merecen unha educación digna da súa importante futura labor.

Un neno, por moito que se diga, non ten malicia, sempre che vai agradecer ata o máis mínimo detalle que ti poidas ensinarlle ou facer por el, porque para eles, inconscientemente serás un exemplo, e que algún día me gustaría ser a min e que me recordasen coma unha boa educadora, ou incluso mestra, infantil.

Un neno está lonxe de estereotipos, de prexuízos e de estúpidas regras impostas por esta sociedade. Non lle importa a cor da xente, a súa constitución, ou se ten algún tipo de diversidade funcional... A eles só lles importa unha cousa: A persoa.

Creo que sendo adultos, e vivindo moitas historias, problemas e situacións, non lle chegamos a un neno a sola dos zapatos, porque eles son seres puros, inocentes e bos. Deberiamos aprender máis cousas deles, e non facerlles aprender a eles demasiadas cousas, que o único que fan e convertelos en simples robots, copias exactas uns dos outros, sen ter en conta as súas grandes ideas en corpos tan pequeniños.

Por isto, e por moitas máis cousas me gustaría ser unha futura educadora infantil.

Seguramente escribirei unha entrada deste estilo máis adiante, e, quen sabe?, pode que siga pensando o mesmo, que dea moitos máis motivos, ou incluso que chegue a desfacerse todo o meu futuro na miña mente ao non querer seguir con este proxecto.

Espero que nestes dous anos cada día que pase estea máis e máis entusiasmada polo que leva sendo toda a vida o meu soño.

Comentarios

Publicacións populares